AXUDAS E SUBVENCIONS

IGAPE- Instituto Galego de Promoción Económica

ORGANISMO
IGAPE- Instituto Galego de Promoción Económica
1. TÍTULO DO PROGRAMA / AXUDA
MICROCRÉDITOS 2013 - MICROCRÉDITOS AOS EMPRENDORES, AUTÓNOMOS E MICROEMPRESAS.
2. FINALIDADE / OBXECTIVO
Facilitar aos emprendedores, autónomos e persoas xurídicas, con tamaño de microempresa, o acceso a microcréditos, destinados ao financiamento dos seus proxectos de investimento.
3. TIPOS DE APOIO
Aval das sociedades de garantía recíproca ( SGRs), ante as entidades financeiras, polo 100% do microcrédito.
4. BENEFICIARIOS POTENCIAIS
Poderán acollerse, emprendedores, autónomos e persoas xurídicas con obxecto empresarial. Tamén poderán acceder ás operacións as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo actividades empresariais.
En todo caso deberán cumprir co requisito de microempresa conforme á definición establecida pola Unión Europea, e dicir :
• Que teña menos de 10 traballadores.
• Que teñan unha cifra de negocios anual ou balance xeral anual que non supere os 2 millóns de euros.
• Que cumpra o criterio de independencia.
5. SECTORES INCENTIVABLES
Poderán ser obxecto de financiamento mediante os microcréditos avalados, todas as actividades económicas, agás:
a) As actividades relacionadas coa exportación, a creación de redes de distribución e investimentos vinculados a actividade de exportación.
b) As actividades do sector do carbón.
6. CUALIFICACIÓN REQUERIDA DO PROXECTO
CARACTERÍSTICAS DOS MICROCRÉDITOS
O importe máximo dos microcréditos será de 25.000 euros por beneficiario e poderán acadar o 100% dos investimentos financiables.
O prazo de amortización será de 5 anos, incluído 1 ano, como máximo, de carencia na amortización de principal.
O tipo de xuro nominal anual para os microcréditos acollidos a este convenio, será o que libremente pacten as partes, no marco dos acordos ou convenios de colaboración das Sociedades de Garantía Recíproca coas entidades financeiras e poderá ser fixo ou variable.
As operacións serán avaladas ao 100% polas SGRs, ante as entidades financeiras.
As SGR poderán cobrar ao cliente ata o 1% en concepto de comisión de aval, calculado sobre o saldo vivo anual do importe avalado, así coma a cota social mutualista, que se aboará ao inicio da operación. Este importe será reembolsado ao cliente unha vez remate a súa relación coa SGR.
Poderán ser financiados os investimentos realizados con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2013 ata a data da primeira amortización de principal do microcrédito.
7. INVESTIMENTOS E/OU GASTOS COMPUTABLES
O proxecto investidor deberá consistir na adquisición de activos a terceiros.
- Serán financiables os seguintes conceptos de gasto, que se materialicen en:
a) Inmobilizado material, agás a adquisición de terreos e edificacións:
− Reforma e axeitamento de locais.
− Bens de equipo e unidades funcionais de explotación independente.
− Elementos de transporte, exclusivamente vehículos industriais, agás vehículos de transporte de mercadorías por estrada por parte de empresas que realicen esta actividade por conta allea.
− Honorarios facultativos de proxecto e dirección de obra.
− Outros investimentos en activos fixos materiais.
b) Inmobilizado intanxible adquirido a terceiros: unicamente aplicacións informáticas, propiedade industrial, propiedade intelectual, canons de entrada de concesións administrativas ou de franquías, e investimentos de acondicionamento realizados nun local arrendado e que queden definitivamente incorporados a aquel.
- Non poderán financiarse os impostos indirectos recuperables que graven a adquisición, nin as achegas a realizar ás sociedades de garantía recíproca.
- O titular deberá destinar os bens, exclusivamente, ao desenvolvemento da actividade empresarial.
8. PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES
As solicitudes deberán presentarse nas sociedades de garantía recíproca, establecéndose coma data máxima de concesión dos microcréditos o 31 de decembro do ano 2013.
9. REFERENCIA LEXISLATIVA
Convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económia (IGAPE) e as sociedades de garantía recíproca SOGARPO, S.G.R e AFIGAL,S.G.R, asinado o 03/06/2013.
10. INFORMACIÓN E TRAMITACIÓN EN
Información:
- Nas oficinas do Igape
- Por teléfono: 902 300 903 / 981 54 11 47
- Por correo electrónico: informa@igape.es
- Na web do Igape: www.igape.es
Tramitación:
1.- Para solicitar un microcrédito, a empresa deberá poñerse en contacto coas SGRs asinantes do convenio:
Solicitantes do concello de Ferrol:
AFIGAL, S.G.R.:
Oficina de Ferrol
Rúa da Iglesia, 52-1º
15402 Ferrol, A Coruña
Tel.: 981 369 383

ORGANISMO
IGAPE- Instituto Galego de Promoción Económica
1. TÍTULO DO PROGRAMA / AXUDA
IG107 - PROXECTOS DE CREACIÓN DE PEQUENAS E MEDIANAS EMPRESAS OU REALIZACIÓN DE INVESTIMENTOS EN EMPRESAS NOVAS PROMOVIDAS POR NOVOS EMPRENDEDORES (2013)
2. FINALIDADE / OBXECTIVO
Fomentar a aparición de proxectos de creación de pequenas e medianas empresas ou de realización de investimentos en pequenas e medianas empresas novas promovidas por novos emprendedores.
3. TIPOS DE APOIO
Subvención a fondo perdido en réxime de concorrencia non competitiva.
4. BENEFICIARIOS POTENCIAIS
As pequenas e medianas empresas segundo a definición establecida pola Comisión Europea, nas que non concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º e 3º da Lei de xuño, de subvencións de Galicia e cumpran as seguintes condicións:
1.- Composición do capital, no caso de sociedades mercantís:
a. O seu capital terá que atoparse maioritariamente participado pola suma das participacións de persoas físicas que non estean acometendo outras actividades económicas por conta propia á data de presentación da solicitude e das achegas de entidades de capital risco e investidores privados adscritos a unha rede asimilable ás coñecidas como redes de business-angels. Cando se observase que se produce continuidade empresarial, por baixa recente (antigüidade menor a un ano) nunha actividade que é igual ou similar á que se propón como nova, ou por razóns que permiten concluír unha continuidade de empresa preexistente, poderase denegar motivadamente a axuda.
b. A participación no capital da empresa de persoas, físicas ou xurídicas, que si estean desenvolvendo outras actividades económicas na data de solicitude, non poderá exceder conxuntamente o 49%. Polo menos unha das persoas físicas cunha participación superior ao 20% no capital e sen outra actividade económica por conta propia á data de solicitude, deberá ter unha dedicación plena ao proxecto, e non poderá desempeñar outra actividade por conta allea desde a alta de actividade da nova empresa (ou no caso de contar con alta de actividade no momento da solicitude de axuda desde o día da dita solicitude) e ata o fin do período de execución do proxecto.
2.- Antigüidade na actividade empresarial:
i) No caso de autónomos a data de alta censual non poderá ter unha antigüidade superior a un ano no momento da solicitude de axuda e deberá ter unha dedicación plena ao proxecto, e non desempeñar outra actividade por conta propia ou allea desde a alta de actividade (ou no caso de contar con alta de actividade no momento da solicitude de axuda desde o día da dita solicitude).
ii) No caso de sociedades, tanto a súa data de constitución como a súa data de alta censual non poderán ter unha antigüidade superior a un ano no momento da solicitude de axuda
3.- Contribución financeira exenta de axudas públicas:
Os beneficiarios deberán achegar para o proxecto de investimento unha contribución financeira exenta de calquera tipo de apoio público de polo menos un 25% do seu importe, sexa mediante recursos propios ou mediante financiamento externo.
5. SECTORES INCENTIVABLES
1.- Están excluídas das axudas as seguintes actividades:
a) As actividades de produción primaria dos produtos agrarios, e as actividades nos sectores da pesca e da acuicultura: CNAE 09: Divisións 01, 02, 03 e 05 (todos os grupos e clases agás 01.61, 01.62 e 02.40), 10.2 (todas as clases) e Clase 46.38.
b) O sector da industria siderúrxica. CNAE 09: Grupos 24.1, 24.2 e 24.3 (todas as clases) e clases 24.51, 24.52.
c) O sector de fibras sintéticas.
d) O sector do carbón e do aceiro. CNAE 09: División 05 (todos os grupos e clases).
e) O sector da construción naval. CNAE 09: Clase 30.11.
2. Nos subsectores de hostalaría, restauración e hospedaxe, unicamente serán subvencionables as actividades de restaurantes, e de hoteis de dúas estrelas ou superiores.
6. REQUISITOS PRINCIPAIS DO PROXECTO
Serán subvencionables os proxectos de creación de pequenas e medianas empresas ou de realización de investimentos en pequenas e medianas empresas novas promovidas por novos emprendedores para a ampliación do seu novo establecemento que cumpran os requisitos establecidos nestas bases reguladoras, entre eles:
a) Non teñan comezado antes da presentación da solicitude de axuda.
b) Presenten un custo subvencionable superior a 35.000€ e non superior a 500.000€, que se realizará no prazo de execución do proxecto que se estableza na resolución de concesión; se o custo subvencionable resultase superior a 500.000 €, o Igape reduciría a base subvencionada a esta cantidade.
c) Os gastos e/ou investimentos subvencionables terán que estar localizados no centro de traballo da empresa en Galicia.
Considérase novo emprendedor, para os efectos destas bases, aquela persoa física que non estea acometendo outra actividade económica por conta propia á data de presentación da solicitude de axuda. Considerarase que non se cumpre esta condición cando unha persoa no momento da solicitude figure de alta no RETA cunha antigüidade superior a un ano ou detente unha participación igual ou superior ao 25% noutra sociedade mercantil.
7. INVESTIMENTOS E/OU GASTOS COMPUTABLES
a) Investimentos realizados en:
i.- Obra civil para construción, reforma ou habilitación de instalacións.
ii.- Bens de equipamento: maquinaria de proceso, utensilios, equipamentos informáticos, mobiliario, instalacións específicas para a actividade subvencionable, elementos de transporte interior, vehículos especiais de transporte exterior, medios de protección do ambiente e outros bens de equipamento ligados ao proxecto. Nos sectores do transporte e loxístico non serán subvencionables os elementos de transporte exterior.
iii.- Outros investimentos en activos fixos mobiliarios.
iv.- Investimentos en inmobilizado inmaterial: aplicacións informáticas, gastos de investigación e desenvolvemento; propiedade industrial e intelectual, podendo incluír licenzas de fabricación, patentes e o canon fixo de franquías no seu primeiro ano.
b) Gastos de aprovisionamentos de materias primas, produtos terminados ou servizos de profesionais independentes necesarios para vender un produto ou servizo. Podendo representar ata o 10% do proxecto subvencionado total.
c) Os gastos de aluguer de bens inmobles, ata un prazo máximo dun ano.
d) Os gastos do informe de auditor.
8. CONTÍA DAS AXUDAS
Respectando os límites establecidos para cada tipo de gasto, a intensidade de axuda concedida establécese entre un mínimo dun 15% dos gastos subvencionables e un máximo do 50%.
A dita intensidade da axuda resultará da aplicación da seguinte fórmula: 15+35×(puntos obtidos/100) da puntuación obtida segundo o artigo 5.2 das bases.
Segundo o tipo de gasto subvencionable, a intensidade da axuda non poderá superar:
1.- Para os gastos de investimento:
a) Como regra xeral:
-Ata o 40% para medianas empresas.
-Ata o 50% para pequenas empresas.
-Ata o 30% para empresas do sector do transporte.
b) Axudas ao investimento no sector da transformación e comercialización de produtos agrícolas, ata o 50%.
2.- Para os gastos de aluguer a pequenas empresas de recente creación, ata o 35 % dos custos subvencionables.
3.- Para os gastos de informe de auditor; ata o 50 % dos custos subvencionables.
4.- No caso das axudas outorgadas en réxime de minimis aos gastos de aprovisionamento e os gastos de aluguer de bens inmobles concedidos a beneficiarios que superen os límites de pequena empresa, comprobarase que as axudas totais concedidas en réxime de minimis non superarán os 200.000 € no exercicio corrente e nos dous exercicios anteriores.
Para os proxectos que se implanten nos concellos das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, concellos da Costa da Morte, concellos da provincia de Lugo e concellos da provincia de Ourense garántese unha axuda mínima do 25% dos custos subvencionables.
9. PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES
O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de outubro de 2013 ou no intre do esgotamento do crédito orzamentario.
Poderanse cubrir e obter os formularios a través da aplicación informática ata as 14.00 horas do día da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.
10. INCOMPATIBILIDADES
Estas axudas son INCOMPATIBLES con calquera outra axuda ou subvención para o mesmo proxecto cofinanciada con Fondos ou Instrumentos da UE, agás coas axudas ou programas de carácter financeiro como subsidiación ao tipo de xuro, microcréditos, garantías ou préstamos directos.
Noutro caso, as axudas serán COMPATIBLES con calquera outra liña de subvencións, sempre que respecten as intensidades de axuda máxima indicadas.
11. REFERENCIA LEXISLATIVA
Resolución do 20 de maio (DOG Nº 102 do 30/05/2013) - Bases reguladoras e convocatoria 2013
12. INFORMACIÓN E TRAMITACIÓN EN
Información nas oficinas territoriais do IGAPE e a través do teléfono 902 300 903 ou 981 54 11 47.
Tamén a través de www.igape.es ou en informa@igape.es
Para presentar unha solicitude de axuda, os interesados deberán cubrir previamente un formulario a través da aplicación de axuda establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es
Poderanse cubrir e obter os formularios a través da aplicación informática ata as 14.00 horas do día da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.
As solicitudes de axuda presentaranse mediante a instancia normalizada (anexo I) que se obterá a través da aplicación informática. Xunto coa instancia de solicitude, presentarase a seguinte documentación, en orixinal ou copia cotexada:
13. OBSERVACIÓNS
Os beneficiarios deberán presentar a solicitude de cobramento da subvención no prazo improrrogable dun mes desde o remate do prazo de execución establecido na resolución de concesión sen que nunca poida exceder do 30 de outubro do exercicio correspondente á anualidade establecida na resolución de concesión.

Consellería de Traballo e Benestar

ORGANISMO
Consellería de Traballo e Benestar
1. TÍTULO DO PROGRAMA / AXUDA
AXUDAS E SUBVENCIONS ÁS INICIATIVAS DE EMPREGO DE BASE TECNOLOXICA (IEBT) (TR340E)
2. FINALIDADE / OBXECTIVO
O programa de apoio ás iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT) configúrase como un instrumento para a dinamización da vocación emprendedora e para aproveitar o potencial das persoas dedicadas á investigación e das persoas con titulación universitaria como xestores dos seus proxectos empresariais innovadores, así como apoiar e fomentar a transferencia do amplo coñecemento creado nas universidades e nos centros de investigación en proxectos xeradores de riqueza e de emprego.
3. TIPOS DE APOIO
Axudas a fondo perdido en réxime de concorrencia non competitiva.
As empresas cualificadas como IEBT poderán solicitar as seguintes modalidades de axudas:
a) Subvención á creación directa de emprego estable.
b) Subvención para a contratación de persoal técnico de alta cualificación.
c) Apoio á función xerencial.
d) Subvención financeira.
e) Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade.
4. BENEFICIARIOS POTENCIAIS
Empresas privadas, incluídos autónomos, que se constitúan e inicien a súa actividade nun prazo non superior a un ano desde que o proxecto empresarial foi cualificado como IEBT sempre que se cumpran os requisitos e condicións establecidos nesta orde para cada tipo de axuda.
O cadro de persoal no mes en que se proceda á primeira contratación por conta allea deberá estar constituído, como mínimo, nun 25% por persoas con titulación universitaria.
5. SECTORES INCENTIVABLES
Todos
6. CUALIFICACIÓN REQUERIDA DO PROXECTO
As empresas deben estar previamente cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT) e inscritas no rexistro administrativo habilitado para o efecto na Dirección Xeral de Promoción do Emprego.
7. INVESTIMENTOS E/OU GASTOS COMPUTABLES
a) Subvención á creación directa de emprego estable
Os postos de traballo estables de carácter indefinido, incluídos os dos propios promotores e promotoras, creados nun centro de traballo da Comunidade Autónoma de Galicia antes de transcorrer un ano desde a data de inicio da actividade e que sexan ocupados por persoas desempregadas, incentivarase cada un deles cunha subvención de:
a) 4.000 euros se son homes desempregados.
b) 5.000 euros se son mulleres desempregadas.
c) 5.000 euros se son mozos desempregados.
d) 5.600 euros se son mozas desempregadas.
e) 6.000 euros se son titulados universitarios desempregados.
f) 6.600 euros se son tituladas universitarias desempregadas.
g) 7.000 euros se son persoas desempregadas que posúan o título de doutor ou doutora
Cando a dedicación sexa a tempo parcial, as contías destes incentivos serán proporcionais ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, da xornada ordinaria legal.
Non se concederá esta axuda cando se trate de traballadores ou traballadoras que prestasen servizos na mesma empresa en virtude dun contrato de carácter temporal.
Cando se trate de contratacións indefinidas de traballadoras ou traballadores por conta allea, esta axuda, de ser o caso, será compatible coas bonificacións á Seguridade Social previstas na normativa estatal, sen que ambos os dous beneficios poidan superar o 60 % do custo salarial de dúas anualidades correspondentes ao contrato obxecto de subvención.
Serán subvencionables ao abeiro desta orde os postos de traballo creados entre o 1 de outubro de 2012 e o 30 de setembro de 2013.
B) Subvención para a contratación de persoal técnico de alta cualificación.
As contratacións temporais de persoal técnico de alta cualificación realizadas na Comunidade Autónoma de Galicia antes de que transcorra un ano desde a data de inicio da actividade serán subvencionadas nunha contía equivalente ao 40 % dos custos salariais
totais, incluídas as cotizacións á Seguridade Social por todos os conceptos, segundo a duración do contrato, cun máximo de 12 mensualidades.
Esta subvención terá como límite máximo, por todas as contratacións, a contía de 18.000 euros, e estará condicionada á xustificación pola empresa de que, coas contratacións obxecto de subvención, se suplan carencias ben identificadas para o desenvolvemento da actividade empresarial e o bo fin dela.
Serán subvencionables, ao abeiro desta orde, as contratacións realizadas entre o 1 de outubro de 2012 e o 30 de setembro de 2013.
Esta subvención é compatible, se é o caso, coas bonificacións de cotas á Seguridade Social previstas na normativa estatal, sen que ambos os dous beneficios poidan superar o 60 % do custo salarial anual.
C)Apoio á función xerencial.
Poderase financiar o apoio ás funcións xerenciais para axudar á persoa promotora ou aos empresarios e ás empresarias
na toma de decisións necesarias para o funcionamento da empresa.
Poderá ser obxecto desta modalidade de axuda o gasto orixinado, entre o 1 de outubro de 2012 e o 30 de setembro de 2013, e realizado no primeiro ano de actividade empresarial. Este gasto deberá ser efectivamente xustificado mediante facturas e documentos bancarios acreditativos do seu pagamento con anterioridade á finalización do período de xustificación establecido na resolución de concesión ou, de ser o caso, ata o 31 de outubro de 2013.
Non serán subvencionables, en ningunha das modalidades sinaladas as medidas de apoio prestadas polos socios ou empresas dos socios da empresa que solicitan subvención.
A contía do incentivo para o apoio á función xerencial será do 75 % do custo dos servizos recibidos, cun límite máximo de 12.000 euros polo conxunto das modalidades de asistencia técnica previstas.
D) Subvención financeira
subvención financeira ten por finalidade promover a creación de postos de traballo mediante a redución dos xuros de préstamos para financiar os investimentos que sexan necesarios para a creación e posta en marcha das empresas cualificadas como IEBT.
Como mínimo, o 75 por cento do importe do préstamo deberá destinarse a financiar investimentos en inmobilizado material ou intanxible.
Esta axuda, pagadoira dunha soa vez, será equivalente á redución de ata catro puntos do tipo de xuro fixado pola entidade financeira que conceda o préstamo, calculada sobre os oito primeiros anos de vixencia destes. A contía calcularase como se a subvención
se devindicase cada ano de duración do préstamo, incluído o posible período de carencia. O tipo de xuro poderá ser fixo ou variable, e tomarase como referencia para o cálculo da subvención o tipo de xuro vixente na data da resolución da subvención ou o vixente na data da sinatura do contrato do préstamo, se esta é anterior.
Esta subvención ten como límite a contía máxima de 6.300 euros por emprego estable creado para persoas desempregadas durante o primeiro ano desde o inicio da actividade.
E) Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade
Esta axuda consistirá nunha subvención para o financiamento dos gastos necesarios para o inicio e a posta en marcha da actividade. O importe máximo desta axuda determinarase en atención ao número de postos de traballo estables creados e subvencionados durante o primeiro ano de actividade, de acordo coa seguinte escala:
– De 1 a 2 postos de traballo: 24.000 euros.
– De 3 a 10 postos de traballo: 36.000 euros.
– De 11 a 20 postos de traballo: 48.000 euros.
– 21 ou máis postos de traballo: 60.000 euros.
O importe da axuda non poderá superar o custo total dos gastos subvencionables e a contía de 12.000 euros por posto de traballo estable creado.
Os gastos subvencionables serán os gastos de constitución da empresa, a compra de mercadorías, materias primas e outros aprovisionamentos; o arrendamento do local, de maquinaria e de equipamentos informáticos; os gastos do seguro do local, de publicidade e subministracións, excluído o imposto sobre o valor engadido ou, de ser o caso, os impostos indirectos equivalentes cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación. Os gastos poderán ser computados sempre que as facturas estean estendidas a nome da entidade solicitante e non sexan emitidas por algún dos promotores da empresa. Exclúense, así mesmo, os impostos e os gastos referidos aos domicilios particulares dalgunha das persoas promotoras.
8. PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES
O prazo xeral de presentación de solicitudes de todos os tipos de axudas do programa regulado nesta orde finalizará o 30 de setembro de 2013.
9. INCOMPATIBILIDADES
En ningún caso o importe das subvencións ou axudas concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, concedidos por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, supere o 80 % do custo da actividade que vaia desenvolver a persoa ou entidade beneficiaria.
As subvencións reguladas nesta orde serán incompatibles coas axudas establecidas nos programas de iniciativas locais de emprego (ILES), de promoción do emprego autónomo, de iniciativas emprendedoras e de emprego, así como no Programa de fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais, agás que se trate da axuda para o acceso á condición de socio ou socia traballador ou traballadora dunha cooperativa de traballo asociado, convocados pola Consellería de Traballo e Benestar.
A axuda á creación directa de emprego estable e a subvención para a contratación de persoal técnico de alta cualificación serán incompatibles coas establecidas nos diferentes programas de fomento da contratación por conta allea convocados pola Consellería de
Traballo e Benestar. Os ditos incentivos serán compatibles, de ser o caso, coas axudas ou bonificacións ás cotizacións á Seguridade Social.
10. REFERENCIA LEXISLATIVA
Orde do 29 de maIo de 2013 (DOG Nº107 do 06/06/2013) - Bases reguladoras e convocatoria 2013
11. INFORMACIÓN E TRAMITACIÓN EN
As solicitudes e os anexos deste programa están dispoñibles na páxina web da Consellería de Traballo e Benestar: http://traballo.xunta.es
DIRECCIÓN XERAL DE PROMOCIÓN DO EMPREGO
Subdirección Xeral de Apoio á Contratación, aos Emprendedores e ao Traballo Autónomo
Servizo de Apoio aos Emprendedores e á integración Laboral das Persoas con Discapacidade
Edificio Administrativo San Lázaro, s/n
15781 SANTIAGO DE COMPOSTELA
TELÉFONOS:
981 957732, 981 544716, 981 544682, 981 957253

Programa Leader de Galicia 2007-2013

ORGANISMO
ASOCIACIÓN COSTA NOROESTE. Grupo de Desenvolvemento Rural.
1. TÍTULO DO PROGRAMA / AXUDA
Fondos europeos do Leader Galicia 2007-2013
2. FINALIDADE / OBXECTIVO
Promover:
a_DINAMIZACIÓN DO SECTOR AGRARIO E FORESTAL
b_MELLORA AMBIENTAL E DO CONTORNO RURAL
c_DIVERSIFICACIÓN DA ECONOMÍA RURAL E MELLORA DA CALIDADE DE VIDA
3. TIPOS DE APOIO
Subvención a fondo perdido sobre o investimento ou gasto aprobado.
4. BENEFICIARIOS POTENCIAIS
- Persoas físicas.
- Persoas xurídicas de carácter privado:
·         Sociedade Laboral
·         Sociedade Mercantil
·         Sociedade Civil
·         Sociedades Agrarias de Transformación
·         Cooperativas
·         Asociacións
·         Fundacións
·         Outros/as
- Entidades públicas de carácterlocal ou comarcal: concellos,mancomunidades, consorcios e entidades dependentes das anteriores.
- Comunidades de montes veciñais en man común e as súas mancomunidades.

5. SECTORES INCENTIVABLES
ACTIVIDADES
Non Produtivas, aqueles proxectos que non supoñan o inicio ou desenvolvemento dunha actividade económica e/ou non estean afectos a unha actividade económica. Así mesmo, terán este carácter aqueloutros proxectos de interese público que, aínda constituíndo unha actividade económica, ou estando afectos a unha actividade económica, non incidan sobre o réxime de competencia do territorio (concello) de que se trate e sempre que estean promovidos por unha entidade pública local ou una entidade sen ánimo de lucro.
Produtivas, as demais.

6. CUALIFICACIÓN REQUERIDA DOS PROXECTOS
As actuacións subvencionables responden ás seguintes estratexias:
a_DINAMIZACIÓN DO SECTOR AGRARIO E FORESTAL
·         Investimentos no sector agrario:
·         Novas técnicas de produción
·         Recuperación de variedades tradicionais
·         Novas producións
·         Producións extensivas en áreas ambientalmente sensibles
·         Mellora da eficiencia enerxética das explotacións
·         Aplicacións das TIC´s nas explotacións
·         Aumento do valor económico dos montes:
·         Posta en valor de superficies de montes veciñais en man común ou de asociacións de propietarios,
·         fomento da diversificación forestal e valorización da produción de cogomelos.
·         Incremento do valor engadido dos produtos agrarios e forestais:
·         Transformación e comercialización de produtos agrarios e forestais e proxectos de transformación
·         e comercialización de produtos forestais.
·         Cooperación para o desenvolvemento de novos produtos, procesos e tecnoloxías no sector agrario, alimentario e forestal.
b_MELLORA AMBIENTAL E DO CONTORNO RURAL
·         Investimentos non produtivos en explotacións agrarias.
·         Investimentos non produtivos en espazos forestais.
·         Investimentos non produtivos para a adecuación, recuperación e posta en valor do patrimonio ambiental en espazos naturais e no contorno rural.
c_DIVERSIFICACIÓN DA ECONOMÍA RURAL E MELLORA DA CALIDADE DE VIDA
·         Diversificación das explotacións agrarias cara a actividades non agrarias:
o   Transformación e venda de produtos agroalimentarios locais. Elaboración e venda de produtos artesanais. Agroturismo. Servizos educativos, culturais,recreativos, ambientais, asociados á valorización de patrimonio natural e/ou cultural ou a ecosistemas agrarios e/ou forestais do territorio. Prestación de servizos á poboación e outras actividades complementarias da agraria.
·         Creación, ampliación e modernización de PEMEs, en sectores da economía diferentes ao da produción agraria primaria:
o   Fomento de actividades turísticas.
-          Infraestruturas a pequena escala, tales como centros de información turística.Rutas de sendeirismo e outras infraestruturas turísticas, desenvolvemento e/ou comercialización de novos produtos e servizos turísticos relacionados co turismo rural.
o   Servizos básicos para a economía e as poboacións rurais.
-          Renovación e desenvolvemento de poboacións rurais e conservación emellora do patrimonio rural.
-          Elaboración de plans de protección e xestión das zonas Natura 2000 e demais zonas de alto valor natural. Mantemento, restauración e mellora do patrimonio natural, incluíndo proxectos de mantemento e recuperación de sistemas silvo pastorís en MVMC. Desenvolvemento de paraxes de alto valor natural.
o   Investimentos en restauración, mellora e posta en valor do patrimonio.
o   Formación vinculada a proxectos de investimento material promovidos no marco da Estratexia.

7. INVESTIMENTOS E/OU GASTOS COMPUTABLES
·         Construción, adquisición e mellora de bens inmobles.
·         Instalacións e compra de maquinaria e equipos, incluídos programas informáticos, ata o valor de mercado.
·         Equipamento e material non funxible.
·         Adquisición de terreos non edificados (de acordo ao Réxime de Axudas).
·         Custos xerais, como estudos técnicos, gastos de proxectos, dirección de obra, estudos de viabilidade e outros gastos de consultoría relativos aos investimentos realizados, así como adquisición e expedición de patentes e licenzas (ata o 20 %).
·         Medios e equipos de transporte.
Proxectos de natureza produtiva:
·         Vehículos de transporte industrial e comercial, en proxectos que dean lugar ao inicio dunha actividade económica.
·         Adecuación de vehículos de transporte de mercadorías para o desenvolvemento da actividade.
Proxectos de natureza non produtiva:
·         Equipos para a prestación de servizos de transporte á demanda de pasaxeiros, en áreas de baixa densidade de poboación.

8. INVESTIMENTOS E/OU GASTOS NON COMPUTABLES
·         IVE excepto o non recuperable nos proxectos non produtivos cando sexa custeado de forma efectiva e definitiva polo suxeito pasivo.
·         Impostos indirectos.
·         Gastos de funcionamento da actividade subvencionada e material funxible.
·         Gastos de constitución, rexistrais e notariais.
·         Intereses debedores das contas bancarias.
·         Gastos anteriores ao levantamento dunha acta de non inicio por parte do GDR.
·         Reposición ou mera substitución de equipamentos e maquinaria.
·         Obras de mantemento das instalacións.
·         Gastos de alugamento de equipamento e investimentos financiados mediante arrendamento.
·         Xuros, recargas e sancións administrativas.
·         Gastos de procedementos xudiciais.
·         Compra de dereitos de produción agraria, animais e plantas anuais e a súa plantación.
·         As partidas de gastos xerais e beneficio industrial.

8. PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES
Do 25 de febreiro de 2010 ao 1 de setembro de 2013.

9. REFERENCIA LEXISLATIVA
Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia para a etapa 2007-2013, constituindo resposta as disposicions do Reglamento (CE) nº 1698/2005 do 20 de setembro de 2005 relativo a axuda ao desenvolvemento rural a través del Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER).
10. INFORMACIÓN E TRAMITACIÓN EN
ASOCIACION COSTA NOROESTE
Oficina Ferrol
Enderezo: A Malata, s/n, Edificio de Usos Múltiples, 15404, Ferrol
Teléfono/Fax: 981 33 33 98 / 981 37 30 62
Correo Electrónico: info@costanoroeste.org
Oficina Ortigueira
Enderezo: R/ Reverendo Marquez Cortiñas, s/n, 15330, Ortigueira
Teléfono: 981 40 00 00 Extensión 1024

Correo Electrónico: info@costanoroeste.org



No hay comentarios:

Publicar un comentario