COOPERATIVÍZATE

SOCIEDADE COOPERATIVA

Que é?

Sociedade constituída por persoas que se asocian, en réxime de libre adhesión e baixa voluntaria, para realizar actividades empresariais, encamiñadas a satisfacer as súas necesidades e aspiracións económicas e sociais, con estrutura e funcionamento democrático.

Cantas clases de cooperativas hai?

As cooperativas poden ser de varios tipos:

• Cooperativas de primeiro grao cando os seus socios son persoas físicas ou xurídicas. Estas poden ser de traballo asociado, de consumidores e usuarios, de vivendas, agrarias…etc.

• Cooperativas de segundo ou ulterior grao cando están constituídas por dúas ou máis cooperativas da mesma ou distinta clase. Teñen por obxecto promover, coordinar e desenvolver fins económicos comúns dos seus socios e reforzar e integrar a actividade económica da mesma.

Cal pode ser a súa denominación?

A denominación da sociedade incluirá necesariamente as palabras “ Sociedade Cooperativa” ou a súa abreviatura “S Coop.”, podendo engadir a expresión “Galega” ou en forma abreviada, “S. Coop. galega”.
Esta denominación non poderá ser idéntica á doutra sociedade cooperativa existente.

Cal vai ser o seu domicilio social?

A sociedade cooperativa terá o seu domicilio social dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, no lugar onde realice principalmente as súas actividades económicas e sociais cooperativizadas cos seus socios, ou centralice a súa xestión administrativa e dirección empresarial.

Cal vai ser o capital social mínimo da cooperativa?

O capital social mínimo para se constituír e funcionar unha sociedade cooperativa non será inferior a 3.005,06 euros, expresándose nesta moeda, que deberá estar totalmente desembolsado a partir da súa constitución.
Os estatutos poderán fixar un capital social mínimo superior ao sinalado no apartado anterior, que tamén estará desembolsado na súa totalidade a partir da elevación ao público do acordo social.
A variación da cifra deste capital require unha modificación estatutaria e o seu acordo deberá publicarse no Diario Oficial de Galicia. O devandito acordo deberá depositarse no Rexistro de Cooperativas de Galicia, que tramitará a súa publicación gratuíta no mesmo.

Cal vai ser a responsabilidade dos socios?

A responsabilidade dos socios polas débedas sociais estará limitada ás achegas ao capital social subscrito, estean ou non desembolsadas na súa totalidade.
O socio que cause baixa na cooperativa responderá persoalmente, durante cinco anos a partir da perda da súa condición, polas débedas sociais derivadas das obrigas contraídas pola cooperativa con anterioridade á súa baixa e ata o importe reembolsado pola cooperativa das súas achegas.

Que dereitos e obrigas teñen os socios?

Os socios poden exercitar todos os dereitos recoñecidos legal ou estatutariamente. En especial teñen dereito a:

• Asistir aos debates e votar propostas na xunta xeral.
• Ser elector e elixible para os cargos dos órganos sociais.
• Participar en todas as actividades da cooperativa.
• Retorno cooperativo.
• Actualización e liquidación das achegas de capital e, se é o caso, a recibir intereses polas mesmas.
• A baixa voluntaria
• Formación profesional axeitada para desempeñar o seu traballo.

Os socios están obrigados a cumprir os deberes legais e estatutarios. En especial teñen obrigación de:
• Cumprir os acordos adoptados polos órganos sociais da cooperativa.
• Participar nas actividades cooperativizadas que desenvolve a cooperativa na contía mínima obrigatoria establecida nos estatutos.
• Gardar segredo sobre os asuntos e datos cuxa divulgación poida prexudicar aos intereses da cooperativa.
• Aceptar os cargos para os que foran escollidos.
• Cumprir coas obrigas económicas que lles correspondan.
• Non realizar actividades competitivas coas actividades empresariais que desenvolva a cooperativa.

A cooperativa ten personalidade xurídica propia?

Si, desde o mesmo intre en que se inscriba no correspondente rexistro de cooperativas.

Cal vai ser o número mínimo de socios?

• As cooperativas de primeiro grao: catro socios.
• As cooperativas de segundo grao: dous socios.

Que clases de socios pode haber?

Existen tres tipos de socios dentro das sociedades cooperativas:

• Socios de traballo
• Socios excedentes
• Socios colaboradores

Que se pode achegar a unha cooperativa?

As achegas dos socios cooperativos poden ser:
• Pecuniarias: en euros
• Non pecuniarias: bens e dereitos.
• Obrigatorias : achega mínima fixada nos estatutos para ser socio.
• Voluntarias : achegas optativas dos socios que pasan a formar parte do capital social.

Cales son os órganos de administración e xestión nunha cooperativa?

Son órganos da sociedade cooperativa:
• Xunta xeral
• Consello reitor
• Interventores
• Comité de recursos

Como se constitúe?

A sociedade cooperativa constituirase mediante escritura pública que se inscribirá no correspondente rexistro de cooperativas, adquirindo neste momento personalidade xurídica. 
Para levar a cabo a súa constitución, os promotores poden optar por solicitar a previa cualificación do proxecto de estatutos diante do rexistro de cooperativas competente ou ben outorgar directamente a escritura pública de constitución e instar a súa inscrición no devandito rexistro.

Que clases de fondos existen nas cooperativas?

Existen dous tipos de fondos:

Fondo de reserva obrigatorio: destinado á consolidación, desenvolvemento e garantía da cooperativa. Non se pode repartir entre os socios.

Fondo de educación e promoción : destínase á formación dos socios e traballadores nos principios e técnicas cooperativas, económicas e profesionais, á consecución de melloras nos sistemas de prestacións sociais e á realización de actividades intercooperativas.

Fonte: Memofichas BIC GALICIA

No hay comentarios:

Publicar un comentario